O Plan de Acción Titorial (PAT) da Facultade de Ciencias recolle un conxunto de actuacións destinadas a favorecer a integración do alumnado na vida universitaria e atender as súas necesidades formativas e/o informativas.
Supón superar o modelo especificamente académico, só preocupado pola transmisión de coñecementos, e apostar por un modelo educativo no que conflúen ademais funcións socio educativas, baseadas en relacións recíprocas e interaccións titor/a-alumno/a, alumno/a-alumno/a etc.; apóstase, en definitiva, polo desenvolvemento persoal, ademais do académico.
Preténdese ir consolidando unha liña de acción titorial coherente coas necesidades do alumnado, que normalice as distintas accións e acade un axeitado equilibrio entre as expectativas do estudantado e os obxectivos que se expoñen no marco do Espazo Europeo de Educación superior.
O Plan de Acción Titorial apunta directamente cara á garantía e á adecuación dos métodos de ensino, aprendizaxe e avaliación, á adquisición de competencias do alumnado, á atención á diversidade, á orientación á aprendizaxe etc., recollidos dunha forma ampla tanto nas memorias dos títulos como no sistema de garantía de calidade do centro.
Plan de Acción Titorial na FCOU
Obxectivos do PAT
O PAT da Facultade de Ciencias pretende acadar os seguintes obxectivos:
- Establecer un sistema de información, orientación e canalización socio educativa para as alumnas e alumnos de novo ingreso mediante presentacions, reunión e unha maior implicación dos alumnos de cursos superiores e a asignación dunha persoa docente titora/coordinadora dos diferentes cursos.
- Implantar un sistema de información para o estudantado sobre o funcionamento do centro.
- Motivar unha participación activa do alumnado de novo ingreso nos distintos aspectos da vida universitaria.
- Incentivar a participación en programas de mobilidade, así como noutras actividades de carácter específico ou transversal que complementan a súa formación universitaria.
- Ampliar a información sobre as saídas profesionais relacionadas coas ensinanzas do centro.
- Axudar o alumnado nas situacións persoais que dificulten o seu normal desenvolvemento da actividade académica.
- Empregar o PAT como unha forma máis de obtención de datos e valoración sobre o propio desenvolvemento e mellora da calidade da titulación.
- Facilitar e motivar o alumnado á participación naquelas materias nas que teñan especiais dificultades persoais.